Friday 29 de March de 2024

A mostra Fraxilidade permanecerá na casa da cultura pobrense ata finais de mes


Unha nova exposición pictórica recala dende hoxe mesmo e ata o 29 de xullo na casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal. Un total de 22 cadros integran a colección Fraxilidade, de Manuel Rodríguez Varela, mediante a cal o autor reflexiona sobre esta condición que posúen moitos aspectos da vida en xeral, polo que, a temática desta selección de tintas resulta variada: a xuventude, o amor, a beleza, a natureza…

Durante o acto inaugural, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), felicitou ao artista por esta serie que transmite tamén a necesidade de valorar o cotiá e a importancia de que o ser humano amose a súa verdadeira esencia. Así mesmo, a edil fixo fincapé no compromiso da Administración local de apoia-lo talento nos diferentes vehículos de expresión artística.

A mostra pode contemplarse de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas.